28/1/10

211. Té e relixión


Leo estos días con asombro (e interese) a noticia da petición de recoñecemento do heavy metal como relixión oficial no Reino Unido, cousa que só deixa de asombrarme ó ler que case 400000 persoas no país declaran profesar a relixión Jedi, non se sabe se sinceramente ou a modo de protesta contra o goberno por preguntar tales datos no censo, pero o certo é que superan a outros como os sijs.

Ante tal nivel de creatividade e visto que os representantes das relixións tradicionais tamén patinan de vez cando, como xa vimos neste blog ou nesta outra noticia, imos lembrar algo escrito polo filósofo Bertrand Russell en 1952. Atentos, pequenos aspirantes a Padawan:

"Se eu suxerira que entre a Terra e Marte hai una teteira de porcelana que xira arredor do Sol nunha órbita elíptica, ninguén podería refutar a miña aseveración, sempre que tivera coidado de engadir que a teteira é demasiado pequena como para ser vista nin polos telescopios máis potentes. Pero se eu dixera que, posto que a miña aseveración non pode ser refutada, dubidar dela é dunha presuntuosidade intolerable por parte da razón humana, pensaríase con toda razón que estou dicindo parvadas. Sen embargo, se a existencia de tal teteira se afirmara en libros antigos, se se ensinara cada domingo como verdade sagrada, se se instalara na mente dos nenos na escola, a vacilación para crer na súa existencia sería un signo de excentricidade, e quen dubidara merecería a atención dun psiquiatra, nun tempo iluminado, ou a do inquisidor en tempos anteriores".

Todo isto é o que se chama en filosofía a teteira de Russell e pódese atopar no artigo do autor de título "Haberá un Deus?" (está en inglés, pero é curto), no cal desmonta a idea na cal se apoian moitas relixións, que non é outra máis que que a proba do que predican é a falta de probas do contrario. Este tipo de razoamento, absurdo desde o punto de vista da Lóxica, é un gran punto de apoio de moitas relixións modernas, así como de outros tipos de falsidades utilizados para enganar á xente. Curiosamente, o artigo foi encargado pola revista Illustrated, pero nunca chegou a ser publicado nela.

Agora que estamos en época de crise económica, só falta mencionar a posibilidade de crear unha estrutura organizada arredor desta idea, e a pouco que a sorte acompañe (ou a correspondente teteira sagrada axude, quen sabe!), eureka!, temos montado un negocio de dimensións dificilmente calculables e duración, ás probas me remito, case eterna. (Pode que a analoxía que flota sobre todo isto sexa demasiado evidente, e incluso simplificadora en exceso, pero non é pretensión deste blog ser un pozo de sabedoría, xa é abondo con que o sexa o autor).


Recomendación:

Podería poñerme en plan intelectual subido e recomendar ler os Principia Mathematica de Russell, pero como Kurt Gödel tivo a ben demostrar que o sistema lóxico das Matemáticas sempre terá partes indecidibles que se lle escapan ata a Russell, mellor imos pasar a outra cousa. Volvendo ó principio do post, o que propuxo convertir o heavy metal en relixión é o líder da banda británica Saxon, así que se alguén necesita novos himnos e salmos, aquí queda unha proposta de outra banda, neste caso norteamericana, Manowar, do seu disco altamente recomendable Kings of Metal, o tema The crown and the ring. A disfrutalo!, mentres outros buscamos a revelación por outros lugares que aparecerán en próximos posts.


1 comentario:

Pedrote dijo...

¡SIIIIIIII! Por fín una religión como Dios manda ... aunque ... ¿Quién es el Dios del Heavy Metal? Habrá que preguntar a los puristas en la materia ...