14/1/10

181. Pallasos ou monstros?


"Algunhas persoas pensan que Adolf Hitler foi un mal tipo. El foi un gran home e un verdadeiro conquistador, e o seu nome nunca debe ser esquecido" (durante a unha visita a Alemaña preguntándose por que non había ningunha estatua no país na honra de Hitler).
"Sobre todo non beban demasiado. Operar á xente cando un está borracho está moi pero que moi mal" (nun encontro con médicos do seu país).
"I love you" (conciso telegrama de felicitación, ou iso se supón, dirixido a Gerald Ford trala súa toma de posesión como presidente dos EE.UU.).
Todas estas perlas saíron da boca de Idi Amin Dadá, presidente de Uganda entre 1971 e 1979, autoproclamado A Súa Excelencia o Presidente Vitalicio, Mariscal de Campo Al Hadji Doutor Idi AminCruz Victoria, Orde do Servizo Distinguido, Cruz Militar, Señor de tódalas Bestas da Terra e dos Peixes do Mar, Conquistador do Imperio Británico en África en Xeral e Uganda en particular e Rei de Escocia.


"Sabe? En realidade, non necesitamos coches. A miña xente prefire ir en bicicleta. Ós zaireños encántanos o deporte" (preguntado por un periodista acerca do pobre parque móbil do país).
"Roubar, se non se rouba demasiado, non é tan malo"

Estas dúas frases son de Mobutu Sese Seko, presidente do Zaire (actual R. D. do Congo) entre 1965 e 1997, e ladrón insaciable dos recursos do seu país. Non tiña cartos en bancos suízos, senón que roubou tanto que el mesmo era propietario dun banco suízo.


"Estou convencido de que se trata dunha morte natural, porque a natureza vai no sentido da Revolución Democrática Africana". Sékou Touré, presidente de Guinea desde 1958 ata o seu pasamento en 1984, referíndose á morte dun opositor despois de criticalo nun mitin celebrado o mesmo día desa sospeitosa morte.

"O pobo guineano en particular e o africano en xeral non teñen suficiente cultura pra practicar o pluralismo ideolóxico" Frase do ministro de Cultura de Guinea Ecuatorial con Teodoro Obiang Nguema, presidente do país desde 1979, cando sucedeu mediante un golpe de estado ó seu tío Francisco Macías Nguema, outra das xoias políticas deste continente, admirador de Franco que chegou a mencionar nun discurso a Adolf Hitler como "pai de África". Non é de estrañar a de eleccións que gaña con porcentaxes superiores ó 95%, chegando en algunhas provincias a facer pleno do 100%.

Conta Pierre Kalfon na súa biografía de Ernesto "Ché" Guevara como o revolucionario arxentino coñeceu nos anos 60 a Laurent-Desiré Kabila, sucesor de Mobutu Sese Seko, e a mala impresión que lle produciu "acompañado polo seu Xefe de Estado Maior, o ministro de Relacións Exteriores, rodeado de algunhas caixas de whisky e unha escolta de mulatas guineanas, paseando borracho nun Mercedes descapotable pola retagarda das operacións militares da guerrilla". Este é un fiel retrato do contexto no que podemos acabar de situar este post iniciado con citas de ditadores tan absurdos e ó mesmo tempo terroríficos como Idi Amin ou Mobutu Sese Seko, que tiveron nas súas mans o destino dos seus países e a vida dos seus habitantes durante anos e que coincidiron no poder durante a década dos 70 despois do chapuceiro proceso de descolonización de África, no cal se chegou a dar o beneplácito a figuras tan espectaculares como Jean-Bédel Bokassa, coroado en 1976 emperador da República Centroafricana, país que xa levaba presidindo desde 1966, nun acto que intentaba emular a coroación do seu admirado Napoleón Bonaparte.

Algunhas destas vidas exemplares, exemplo do que non debe ser un gobernante, están contadas por Albert Sánchez Piñol en "Payasos y Monstruos", onde deixa ben clara a resposta á pregunta do título do post, non había que escoller, eles conseguiron aunar ambas condicións nas súas vidas. O libro, a través das anécdotas que foron proporcionando os seus protagonistas vai pintando un cadro das ditaduras africanas desde os anos 60, que ben podería pasar por un cadro do Bosco retratando os pecados capitais. Luxuria, avaricia, soberbia, e así ata acabar a lista, van adornando os retratos destes gobernantes sen escrúpulos que os seus respectivos países foron sufrindo ó longo dos anos. Ademais, o libro conta co acerto, na miña opinión, de non quedar só nas anécdotas ou incluso en pinceladas dos horrores provocados por estes monstros, senón que tamén entra a facer unha análise do papel xogado polos países occidentais nestes feitos, tanto na descolonización como nos intentos de colocar títeres afíns ou sumisos nos gobernos destes países, a efectos de sacar beneficios económicos sen ter en conta ós habitantes de países de grandes riquezas, que, curiosamente, se atopan entre os máis pobres do mundo, e onde o respecto ós dereitos humanos é, en moitos casos, unha utopía.

Para pechar, citarei ó ministro de Asuntos Exteriores de Guinea Ecuatorial, país con unha peculiar boa relación con España (a nosa conciencia ten prezo?), que, goberno tras goberno de calquera cor política, aprendeu a mirar para outro lado desde a bendición inicial de Franco na independencia en 1968. Como dixo este representante da ex-colonia española: "E que ten que ver a democracia cos dereitos humanos?". Gran verdade, como podemos apreciar hoxe en día sen máis que ver as novas do mundo.

Recomendación:
  • Ademais do libro mencionado, tamén hai outra historia, a que conta Adam Hochschild en "El fantasma del rey Leopoldo", onde conta a explotación do Congo por parte dos belgas no reinado de Leopoldo II a finais do século XIX e principios do XX. Os aproximadamente dez millóns de mortos producidos baixo o seu reinado comercial de terror fan que sexa merecedor da distinción de primeiro gran xenocida da era moderna.
  • A barbarie de algúns dos seus funcionarios e os seus modos inspiraron a Joseph Conrad durante a súa estancia no Congo para elaborar a súa novela curta "Corazón de escuridade", que á súa vez, trasposta nas selvas do sur de Asia serviu como base da inmensa "Apocalypse Now" de Francis Ford Coppola.
  •  

No hay comentarios: